» Website in English 
 Páxina principal | Publicacións | Biografía | Contacto


Biografía

André Pena, Doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga pola Universidade de Santiago de Compostela, é Historiador, Arqueólogo e Arquiveiro do Concello de Narón.

Nacido en Ferrol en 1955, graduouse en 1982 como Licenciado en Xeografía e Historia, completou os seus cursos de Doutorado entre 1993-1995, recibindo a máxima calificación polo seu traballo de investigación "Un Matrimonio entre a Terra 'Treba' e a Deusa Nai 'Mater', e recibindo tamén a máxima calificación cum laude pola súa Tese Doutoral apresentada en 2004. Desde 1987 traballa para o Concello de Narón como Arqueólogo, Historiador e Arquiveiro.

André Pena está especializado en investigacións sobre a cultura céltica do atlántico europeo e particularmente na pervivencia de trazos culturais da antiga Gallaecia no reino galego medieval e no folclore galego contemporáneo. O traballo de investigación que leva publicado desde 1995 sobre as trebas e a súa pervivencia como xenuina institución territorial galega é unha das aportacións máis importantes e influintes na historiografía galega actual.

Por mor do seu traballo como Arqueólogo, Historiador e Arquiveiro do Concello de Narón, André Pena está a desenvolver desde a publicación en 1991 do I Volume de "Narón, un Concello con Historia de seu" unha serie de estudos históricos comarcais especializados na Terra de Trasancos (bisbarra de Ferrol), que non se realizaran con esa profundidade en Galicia desde os estudos especializados na Terra de Melide que emprendera o Seminario de Estudos Galegos na década dos 1930.

Como Arqueólogo, André Pena ten estado a cargo da dirección e desenvolvemento de diferentes proxectos arqueolóxicos comarcais entre os que destacan o estudo e acondicionamento do conxunto arqueolóxico-etnográfico Monte do Seixo, ou o proxecto dos Camiños Milenarios dos Santos e Barcos de Pedra - Camiño de Santo André de Teixido. Parte da súa labor catalogadora e divulgativa tense centrado no eido da arqueoloxía industrial, concretamente nos muiños de Xuvia, completada con estudos sobre as súas relacións comerciais marítimas coa Europa septentrional.

Desde o ano 1991 André Pena imparte conferencias nos tres campus universitarios de Galicia e noutros organismos e institucións públicas e privadas, ademáis de ser convidado regular en congresos sobre a cultura celta celebrados en Galicia e noutros países. Foi tamén Secretario e Asesor Científico nas edicións de 1997 e 1998 do Congreso Internacional sobre a Cultura Celta celebrados en Ferrol.

Desde 1995 André Pena publica regularmente artigos en numerosas publicacións, como no prestixioso Anuario Brigantino, ou asesora na producción de artigos e investigacións sobre a herdanza cultural celta de Galicia, como na reportaxe "The Celtic Realms" publicada en 2006 na famosa revista National Geographic.




© André Pena - www.andrepena.org

Páxina principal | Publicacións | Biografía | Contacto