I. - INTRODUCIÓN
A gran atracción de Galicia para os pobos antigos do continente europeo e do Mediterráneo non se debía unicamente á sona dos seus metais (ouro, estaño...), con ser isto moi importante, senón a unha crenza arraigada no máis fondo dos sentimentos da vella Europa. A Nosa Gallaecia (a forma Gallaike presente xa no s. V a. C., unha vez, na obra de Herodoto e nun poeta médico do s. IV a. C -López Férez-, é moito máis antiga que a forma Kallaike) era o fin do mundo, o Finis Terrae, lugar onde morría o Sol e onde a antiga Xeografía Sagrada situaba a porta do Paraíso. E as Augas Santas das praias dos nosos finisterres atlánticos, chamadas aínda na Idade Media "arenas Paradisi", acubillaban os portos benditos onde embarcaban as ánimas dos europeos no psicopompo Navío cara a illa marabillosa dos Ben Aventurados.
Galicia, a atalaia pola que descendía ó mar o Sol a tomar a súa barca, e a onde conducía o camiño das estrelas (a Vía Láctea), foi na antigüidade considerada a antesala do Alén e un importante lugar de acceso ó Outro Mundo. A mitoloxía grega concibía o Alén, os Campos Elíseos, como o Paraíso das virtuosas almas que, logo de beber no río Lethes, esqueceran o seu paso polo Inferno. O río Lethes era unha das portas ó Paraíso, pero, onde estaba? Para os autores antigos grecolatinos non había dúbidas: ese río do esquecemento estaba en Occidente, no fin do mundo coñecido, en Galicia, e era seguramente o que hoxe coñecemos como Limia, perto de Xinzo de Limia (Ourense), onde se situaría a entrada, por conseguinte, ó mundo dos mortos.
Era algo universalmente aceptado na Europa Antiga, insular e
continental. Lugar cargado de referencias a contextos psicopompos e a ameazas,
este río Limia/Lethes, a fronteira que separaba o mundo dos vivos do lugar
onde residían as ánimas (Silio Itálico, I, 235-6; XVI, 476-77),
obrigou ó xeneral romano invasor Décimo Xunio Bruto (no 137 a. C.)
a espirse, a atravesa-lo, el só, a nado, e logo a chamar ós soldados,
un a un polo seu nome. Este episodio, lonxe de ser unha mera anécdota,
tivo moita transcendencia: as portas da Gallaecia non soamente daban entrada
a unha terra paradisíaca, senón tamén ó mundo celta
dos mortos.
O inspirado pola Galiza foi un medo sagro; unha inquedanza do alén, un terror relixioso. Deiquí a singolaridade do trunfo de Décimo Junio Bruto: un trunfo envolveito en todalas formas e ritos acostumados, mais, en esencia, a festa dun vencemento da morte (Otero Pedrayo, 1962).
II. - OS VELLOS CAMIÑOS DE PEREGRINACIÓN A OCCIDENTE
César foi quen adaptou por primeira vez ó latino o panteón celta da Galia. A interpretatio romana presente na plástica galorromana responde a unha política integradora para gañarse ós novos pobos:
O deus de máis culto é Mercurio; deste deus son as imaxes que abondan máis; considérano como inventor de todas as artes; este é para eles o guía de rutas e camiños [o deus psicopompo que guía ás almas e ós peregrinos], ó que consideran que ten o máximo poder para gañar diñeiro e protexer o comercio. Despois del adoran a Apolo, Marte, Xúpiter e Minerva. Sobre estes deuses teñen case a mesma opinión que os demais pobos: que Apolo cura as enfermidades; que Minerva inicia nos traballos manuais; que Xúpiter é o soberano dos deuses e que Marte preside as guerras. A maioría das veces, cando deciden librar unha batalla, ofrécenlle o botín que capturan; cando venceron, sacrifícanlle os animais capturados e o demais deposítano nun só lugar" BG, 6, 17 [dicindo a continuación que os Druídas lles ensinaban ós galos a súa orixe divina, quizais unha crenza platónica dos celtas na orixe divina da alma]. "Todos os galos din ser descendentes de Dispáter e afirman que isto se lles foi transmitindo polos Druídas (BG, 6, 18).
Esta intelixente interpretatio posibilitou tamén que atributos de poderosos axentes psicopompos axudaran ás almas a atopar as sendas do Alén: o latino Mercurio e o grego Heracles converxeron co celta Oghmios, nome que significativamente se pode traducir por "O Camiño [polo que o camiñante conduce ás ánimas ó Alén]" en atributos que os celtas axiña aceptaron encantados cando esculpiron estatuas ó xeito romano. Aínda a comezos do s. XVI Durero, o pintor renacentista alemán, representaba ó elocuente psicopompo Oghmios como Mercurio, mentres en 1586, Pellegrino Tibaldi fixo o propio representándoo como Hércules nos frescos da célebre Biblioteca do Escorial.
Oghmios é guía de rutas e camiños. É "O Camiño", e servía nunha ancestral ruta de peregrinación asociada ó camiño do Sol de Oriente a Occidente, coñecida e transitada na antigüidade, antepasada do Camiño de Santiago de Compostela. Falamos do Camiño de Finisterre -e da súa prolongación, historicamente documentada, para os que bordeaban a cornixa cantábrica: o chamado en Galicia Camiño de Santo André-. A ruta coincidente co camiño escrito no ceo estrelado de Europa, hoxe esvaído pola contaminación lumínica, pero entón moi rechamante: a "Vía Láctea", coñecida e transitada na prehistoria europea polo menos desde o Neolítico, momento no que Monteagudo, nos enxovais escavados dos dolmens que se dispoñen ó longo da ruta que se dirixía desde Italia e Francia a Iberia (enténdase, ó Oeste) observa claras concomitancias estilísticas difíciles de comprender noutro contexto. Os mitógrafos gregos relacionaron este percorrido desde o nacemento, Oriente, ata a morte, Occidente, co décimo traballo de Hércules: o roubo das vacas de Gerión.
|
Os romanos empedraron esta rota, que recibiría diversos nomes ó longo da historia: Camiño de Aníbal, Vía Exterior... No ano 124 Polibio denomínaa Vía HERCÚLEA (segundo parece costeaba gran parte do Mediterráneo) e, como Vía HERACLEA, coñecemos a máis importante calzada que percorría Hispania e que comunicaba Italia coa Península Ibérica. César percorreuna en vintesete días ó vir desde o Ródano a Obulco (Str. III, 4, 6), e ata agora críase que a súa función esencial era o comercio e a explotación das minas de Carthago Nova e da Turdetania. Mais o ambiente do décimo traballo de Hércules, da illa Erutria, da copa do sol, e do episodio das vacas de Gerión, que as lendas galegas e As Partidas sitúan na Coruña (A Torre de Hércules), co trasunto etnoarqueolóxico e astronómico da Vía Láctea ou "Camiño de Santiago", define potente e incontestablemente a vía orixinal de Oriente a Occidente por onde transitaron antes do s. III a. C. gregos e bárbaros, ideas e romeiros (quae verborum inmoderatio) europeos e xentes de máis aló, un ancestral roteiro de peregrinación prehistórico cara os finisterres atlánticos da Gallaecia celta. Existía ademais, desde tempos moi remotos xa, coma hoxe, unha infraestrutura hospitalaria e garantías de tránsito para camiñantes, asegurada con severas sancións penais contra os infractores, segundo sinala no s. III a.C. o[pseudo] Aristóteles nos Mirabilia 837 a7, 837 a10:
Sosteñen que de Italia até o País Celta [a Galia Cisalpina], e ós Celtoligios [a costa do sur de Francia] e Iberia, existe un camiño nomeado Heracleo [é dicir, o camiño que fixo o heroe solar Hércules, para pedir o caldeiro prestado a Hélios], e se por el peregrina un grego ou un indíxena, é tomado baixo a protección dos que viven perto [é dicir por onde o camiño discorre] para que non sufra ningún atropelo e que esixen o castigo [isto é, garantías e penalmente a protección e seguranza ós camiñantes que fan a ruta] contra os responsables de que [o peregrino] padecera inxustiza.
|
Polo seu esencial papel na conformación da idea de Europa, a gran importancia do Camiño de Santiago impedíanos ver a facies pre e protohistórica anterior, representada polo Camiño de Finisterre, ou polo Camiño de Santo André de Teixido. Por este motivo, ata agora non se tiña reparado no alcance destas referencias dos clásicos gregos ó "Camiño Heracleo" ou "Camiño de Hércules", precedente da morea de datos etnolóxicos e arqueolóxicos concentrados en importantes puntos do litoral galaico, como o entorno do famoso Faro de Brigantia, logo chamado Torre de Hércules (referencias ó Camiño do Sol e ó Camiño das Ánimas na procura do Paraíso seguindo o ronsel solar), ou o xa célebre santuario do Facho de Donón con centos de aras-estela votivas, que hoxe espertan o interés da comunidade científica (e turística) internacional.
Pero a terrestre non foi a única vía, se reparamos nas raíces, arrecendos, reminiscencias e vicisitudes atlánticas do epíteto BRIAREO dun deus transmitido por Claudio Eliano, que toma de Aristóteles. Do exame da Odisea dedúcese que (coincidente coa concepción céltica, precedente da mesma illa á que chegou Trecenzoncio, San Amaro ou San Brandán), os gregos micénicos situaban o Alén nun lugar do Océano, nunha ancestral illa atlántica. No cumio da illa erguíase desafiante a áurea fortaleza do Deus dos Mortos. Neste contexto, os barcos gregos non soamente levaban metais senón tamén vellas historias das crenzas da estirpe celtoatlántica que fecundaron a imaxinación dos mitógrafos clásicos. Xurdiron así esas recreacións que converteron ó señor e hospedeiro da illa dos mortos, Briareo/Berobreo, nun dos tres hecatónquiros, irmán de Coto e Giges, un monstruoso xigante de cen brazos e cincuenta cabezas. Deste xeito, acomodaron a Briareo na súa familia divina como fillo de Urano e Gea, ou de Éter e Gea. Pero os mitógrafos responsables de cada reelaboración mantiveron intacta a esencial vocación funeraria de Briareo: os gregos fixérono enterrar no Tártaro por Urano e que se mantivera alí longo tempo por desexo de Cronos. E cando eses mitógrafos decidiron que Zeus liberara ós hecatónquiros, cando os Olímpicos rescataron ós monstruosos xigantes primordiais dese lugar obtendo formidables aliados na súa loita contra os Titáns, salientaron a Briareo como o máis forte de todos na loita. E de novo intensificaron no deus Briareo o seu primitivo carácter mariño ó concederlle Poseidón por esposa unha das súas fillas como premio ó seu valor, ó tempo que antigas fontes xa reflectían o mesmo, facéndoo fillo de Thalassa, deusa primordial do mar. Na Ilíada de Homero os homes chaman a Briareo, Egeón, 'O do Cabrón', co alcume do seu pai o deus do mar.
Vencellado unha e outra vez ó océano que lle era propio, Briareo, convertido nun perpetuo residente da beira do río Lethes, retornou ó lugar de seu, ó río do Esquecemento (cf. Ovid. Met. XI, 602-604), o noso Limia, ó Hades (Gallaecia, para a Xeografía Mítica da Europa Antiga), protexendo como porteiro o Alén e a entrada do Tártaro (pozo fondo, escuro e frío) e intensificando como perpetuo vixiante dos Titáns as súas primordiais funcións. As virtudes mariñas e psicopompas de Briareo no panteón grego permítennos pensar que os navegantes do mundo antigo, seguramente micénicos, moito antes de que os gregos e os romanos chegasen á Península, estaban familiarizados coas profundas crenzas dos celtas que vivían detrás das "Columnas de Briareo" na fachada Atlántica de Europa. E por este camiño acabaron coincidindo a segreda ruta comercial atlántica, fragmentariamente recollida na Odisea de Homero, e unha ruta de peregrinación de vivos e de ánimas, baseada na crenza dun transitado cursus mariño de fantasmais navíos: o CAMIÑO DE BRIAREO. O ata agora esquecido BRIAREO foi na Antigüidade abondo importante para nomear a fronteira entre o Mediterráneo e o Océano poboado de monstros: as "Columnas de Briareo", epíteto deste deus celtoatlántico -ie *Brix- que significa, nun común substrato indoeuropeo, probablemente 'O Alto', 'O Elevado', 'O Forte', sinalan a presenza dun deus da fronteira entre a vida e a morte do pasado pagán, precedente do San Pedro cristián:
Aristóteles afirma que as columnas que hoxe chamamos de Heracles, antes de recibir este nome tiñan o de Columnas de Briareo. Pero cando Heracles purificou a terra e o mar, converténdose no benfeitor indiscutido da humanidade, na súa honra, deixaron de conceder importancia á memoria de Briareo e deron ás columnas o nome de Heracles (Claudio Eliano, Historias curiosas, V, 3)
|
Pero a memoria de Briareo é tamén a memoria do Fogar de Breogán. H. d'Arbois de Jubainville ilustrounos que a Illa, ou Illas, dos Mortos correspóndense coas "Illas Marabillosas" que a dramaturxia dos neotéroi fixo proliferar, e que a literatura grega (Hes. Op. 167 ss; Cypr. 32; Stesich. 8SLG), situaba no Océano Galáctico ou Mar Céltico, alén dos finisterres atlánticos da Gallaecia, ou das illas Británicas. Fala Jubainville dun relato tomado por Plutarco dun autor descoñecido, e de Procopio, que escribiu no s. VI, no que se di que o país dos mortos é a parte occidental de Gran Bretaña "á que un muro infranqueable separa das rexións orientais da dita illa". Esta lenda conta que sobre as costas setentrionais da Galia existe unha poboación de mariños na que o traballo consiste en conducir ós mortos desde o continente cara a parte de Bretaña que constitúe a súa derradeira morada. O murmurio dunha voz misteriosa esperta eses mariñeiros no medio da noite; daquela, estes levántanse, diríxense cara a costa e alí atopan uns navíos, que non lles pertencen, cheos de homes invisibles, de xeito que o seu peso afunde as naves exactamente ata o punto no que é posible facelo sen mandalas a pique. Despois de subir a bordo, os mariñeiros chegan ás costas de Bretaña, segundo unha versión, cun golpe de remo; e, segundo outra, no termo dunha hora (aínda que cando realizan esa viaxe nos seus propios barcos, mesmo axudándose coas velas, o dito traxecto dura polo menos un día e unha noite). En canto chegan á ribeira, os seus invisibles pasaxeiros desembarcan; e daquela vese como os navíos descargados se levantan por enriba das olas e se oe a voz dun personaxe invisible que proclama os nomes dos recén chegados que viñeron a aumentar o número de habitantes do país dos mortos [unha curiosa semellanza ó acontecido ós romanos no paso do río Limia].
Un golpe de remo ou, como moito, unha hora de navegación, abondan para facer a viaxe nocturna que transporta ós mortos desde o continente galo ata a súa derradeira morada. En efecto, durante a noite, unha lei misteriosa reduce as longas distancias que separan durante o día os dominios da vida e da morte. É a mesma lei que, nunha noite clara, lle permitiu a Ith avistar as costas de Irlanda, morada dos vivos, desde o alto da Torre de Breogán, sita no país dos mortos. Ese fenómeno produciuse en inverno, porque o inverno é unha especie de noite; o inverno como a noite, elimina as barreiras que se interpoñen entre as rexións da morte e as da vida; como a noite, o inverno crea a aparencia da morte; suprime, por dicilo dalgún xeito, o temible abismo que as leis da natureza levantaron entre a vida e a morte. Así se explica que, durante unha fermosa noite de inverno e desde o alto da Torre de Breogán, na illa dos mortos, Ith vira perfilarse ante el, no horizonte, as costas de Irlanda" (El Ciclo Mitológico Irlandés y la Mitología Celta. H. d'Arbois de Jubainville,1996).
|
Precisamente este señor da illa dos mortos é BREOGÁN ou BREOGÓN que reaparece nunha estela de Donón co epíteto: BERO-BRIEGO<E>CO, formado por BERO *uperos, 'alto', 'elevado' e por BRIEGO + sufixo celta <E>CO, e, de novo, na forma BRIAGA, o seu doblete en 1150 no Leabhar Ghabhála Érenn. Este deus BRIEGOCO, ou BRIEGOECO, 'da Alta Casa', é un deus dos mortos ó que os librados da morte adican aras con forma de estela no Facho de Donón (Hío, Pontevedra) e é, sen dúbida, a pagán versión galaica, e orixinal, do mesmo BREOGÁN analizado por Jubainville, recreado na Idade Media polos monxes escribas de Terriglas. Correspóndese co deus cornudo que por recibir as almas dos defuntos no Alén se representa cos brazos abertos no seu santuario Alonieco, "dos Allóns" en Lourizán, epigrafiado en sendas aras coas solares cruces gamadas que os nazis aldraxaron. Leva o significativo epíteto de VESTIO, 'hospedeiro', ing. GUEST, alem. GAST, 'hospede', 'hospedeiro'. E soubo manter o seu carácter na amable figura chamada en Irlanda BRIUGÚ. O termo que designa ó hospedeiro irlandés BRIUGÚ [radical *BRI] ten a súa correspondencia exacta na India védica (Losada Badía), onde se chama briugú ó lume do fogar encendido ritualmente sobre unha esvástica de madeira en aninovo. E aínda que a BRIUGÚ, como se laia Mac Eoin, non se lle ten atopado unha etimoloxía certa (e que Vendryes excluiu, quizais prematuramente), a relación de BRIUGÚ coa raíz Bri, 'alto', 'elevado', 'montaña' (cf. os nosos montes de Brión e de Breamo), indica que se debería ter en conta, pois Brí, xen. Breg, ac. Brig, tería no irlandés e nas linguas indoeuropeas moitos paralelos, como no alt. al. Burg (cf. comparativamente Burgo), derivadas dun radical ie *Brgh, expresivo a un tempo da idea de altura e forza, aplicable tanto ás torres míticas da illa do mundo de ultratumba no que crían os celtas que habitaban os finisterres atlánticos europeos (a Torre de Breogán, ou de Hércules, ou a torre de Conann) como convinte a BRIAREO: o VESTIO, o BRIUGÚ, o 'hospedeiro', por excelencia dos celtas, o gardián e porteiro da apacible Cidade Celeste (semellante á Xerusalén Celeste cristián), virtudes sintetizadas no epíteto BEROBREO, 'señor da Alta Casa' [dos mortos], do santuario de Donón. As vellas rutas comerciais de navegación espallaron as ideas de ultratumba dos celtoatlánticos polo mundo clásico que as recombinou creando os seus propios temas, e a Alta Casa correspondeuse coa Torre de Cronos na illa dos Benaventurados.
Julio Mangas e Domingo Plácido (eds) (T.H.A. II A 326-327) sinalan o camiño polo que en versións posteriores a Píndaro (THA II A 57, 326) se intensificarían, humanizados, aspectos negativos destes xigantes, asociados agora ós monstros oceánicos matados por Hércules nas súas aventuras, e sinalan como tamén Platón, tería botado man das "figuras colosales confinadas no Extremo Occidente, reunidas na Gerioneida de Estesícoro" para confeccionar con elas a súa historia da Atlántida [cf. La Península Ibérica de Homero a Platón], a súa historia da asemblea divina que decide a sorte de Gerión (Stesich. 14SLG) [...] ou o relato das casas de ouro da Illa das Hespérides, "acaso precedente de la arquitectura a base de metales preciosos de la ciudad de la isla Atlántida [ ]" e a mesma creación na proximidade do Estreito de Xibraltar dun "Basileus, palabra que aplicada probablemente a Gerión, personaje uno y múltiple, le asimila a los injustos reyes occidentales de Isócrates y de la Atlántida platónica". Por este camiño, segundo o Filipo de Isócrates, Heracles erguería as Columnas Heracleas tras derrotar uns reis nefandos. Estes reis (ecos do señor da vermella illa dos mortos, Erutria ou Eritrea) que agora se pintan negativos, pasarían a ter o seu dominio na África do NW. e na Europa Atlántica, (Isoc. 5. 112). BREOGÁN sería un deles.
"El cataclismo de la Atlántida es el intento de dar fin a muchos mitos arcaicos heredados en relación con el Extremo Occidente: El "río Océano" ni siquiera es nombrado, Heracles y sus hazañas en Occidente son silenciados, Cádiz borra Eritrea o Tarteso. Pero muy especialmente Platón cerrará, de manera harto espectacular, el ciclo de proliferación de islas en el Extremo Occidental que Estacio atribuía a los neóteroi o poetas posteriores a Homero y que el racionalismo jonio empezó a poner coto con la rotunda negación de Eritrea por parte de Hecat. 26 (THA 22). Para ello Platón debió hipertrofiar el modelo de la feliz "isla occidental", residencia de ingentes démones hasta hacerla bicontinental, imaginando a la vez una mítica Atenas y destruyendo al final ambas creaciones" (Julio Mangas- Domingo Plácido, eds, T.H.A. II A 326-327).
Sostemos que, alleas ás especulacións dos filósofos, as ancestrais crenzas dos nosos marabillosos finisterres do arco atlántico europeo tiveron ampla atracción e difusión ó longo de milleiros de anos, sempre no contexto das teorías continuistas ou acumulativas no que se inscribe o noso concepto de celticidade. Nesta liña, non nos pode sorprender que na praia de A Lanzada apareza unha cantimplora micénica, datable no 1500 a.C., nin que en Pedornes, Oia, Pontevedra, apareza nunha grande rocha o típico petroglifo atlántico da Nave Solar asociada a cuadrúpedos (e ó disco solar en posición solsticial, representado nunha rocha contigua, descuberto por Alexandre Pérez Vigo e Enrique Saavedra Martínez), como no resto dos petroglifos escandinavos, nin que a nave responda a un modelo de papiro cunha tipoloxía exipcia do segundo milenio a.C (Alonso Romero). O mesmo Alonso Romero, que estudiou o barco, recolle como xa se invitaba ó defunto a emprender, de morto, este camiño de peregrinación atlántico (que, de vivo, quizais fixera como comerciante), nunha inscrición da mastaba de Akhetep, en Saqqara, necrópole principal da cidade de Menfis, á beira do Nilo, en uso desde a primeira dinastía arredor do 3100 a. C.; a inscripción, datase no 2400 a. C. (Museo do Louvre), e é polo tanto catrocentos anos anterior ó modelo de barco representado con fidelidade en Pedornes:
"Camiñade polos fermosos camiños de Occidente por onde andan os protexidos na casa do Gran Deus"








